Detalles
Racións
2 persoas
Tempo
30 minutos
Este falso bacalhau à brás é unha versión vexetariana do coñecido prato portugués.
Ingredientes
2 porros medianos
1 cebola
3 ovos
150 g de patacas palla
3 dentes de allo
ourego
pementa negra moída
sal e aceite de oliva
Pasos
- En primeiro lugar cortamos a cebola e o allo en cadradiños pequenos e tamén o porro en toros finiños. Refogámolos nunha tixola con aceite a lume baixo e cun chisco de sal até que as verduriñas estean pasadas.
- Engadimos 100 g de patacas palla e remexemos todo ben durante uns minutos. A continuación batemos os ovos, facemos un oco no medio da mestura de porro para botalos e remexemos constantemente até que o ovo se cociñe e se integre ben co resto de ingredientes.
- Incorporamos o resto de patacas para darlle un toque crocante e mesturamos até que fique homoxéneo. Servimos ben quentiño e decoramos por enriba con pementa negra moída e ourego seco.