Bacallau confeitado con puré de cabaza

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

55 minutos

Ingredientes

  • 2 lombos de bacallau

  • 1 porro

  • ½ cabaza

  • 2 allos

  • 3 caienas

  • 1 chorriño de leite

  • aceite

  • sal

  • pementa

Pasos

  • Comezamos pelando a cabaza e tirándolle as sementes, cortámola en anacos e reservamos. Lavamos tamén o porro e cortámolo en toros. Nunha pota cun chisco de aceite rustrimos o porro e a cabaza uns minutos, logo cubrímolos con auga e un chisco de sal e cocemos uns 25 minutos.
  • Pasado este tempo comprobamos que están brandiños, escorrémolos e triturámolos cun batedor para facer o puré. Despois de triturar as verduriñas, botámoslle sal, pementa negra moída e un chorriño de leite para darlle unha textura máis suave, remexemos ben e reservamos.
  • A continuación imos preparar o bacallau, comezamos limpándoo e secándoo ben cun pano de papel. Para confeitalo, botamos nunha pota non moi grande o suficiente aceite para cubrilo e poñémolo a fogo medio, cando comece a burbullar o aceite engadimos os dous lombos xunto cos allos enteiros pelados e as caienas. Deixámolo confeitar uns 20 minutos co lume ao mínimo, pasado este tempo retiramos do aceite e escorrémolo ben.
  • Por último para montar o prato facemos unha camiña de puré e colocamos o lombo de bacallau por enriba. Podemos decorar con lascas de allo fritidas e as caienas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *