Canelés

Detalles

Racións

36 unidades

Tempo

> 2h

 Os canelés son un doce típico da cidade de Bordeos, en Francia. Por fóra teñen unha especie de costra acaramelada pero o seu interior é suave e gomoso. Hainos de tres tamaños mais os nosos favoritos son os máis pequenos, duns 2 cm de alto. A este formato chámaselle bouchée, bocado en Francés, porque se poden comer dun bocado.

Créese que se orixinaron hai uns 300 anos grazas as monxas do convento de Santa Eulalia. Bordeos é unha importante produtora de viño e daquela empregábanse as claras dos ovos para clarificar o viño. Foron as monxas deste convento quen para aproveitar as xemas dos ovos que os viticultores lles doaban, idearon esta larpeirada. Grazas tamén a que a que Bordeos ten un gran porto comercial, na receita podemos ver ingredientes importados como a vainilla ou o ron. Anos máis tarde, uns pasteleiros da cidade recuperaron a receita, e o tal foi o éxito que chegou a convertirse nun símbolo da cidade.

Ingredientes

  • 500 ml de leite

  • 1 ovo

  • 2 xemas

  • 140 g de fariña de trigo

  • 150 g de azucre branco

  • 75 g de azucre moreno

  • 25 g de manteiga

  • 50 ml de ron

  • 1 culler de café de extracto de vainilla

  • MOLDE
  • 1 molde de silicona
    para canelés pequenos (2 cm de alto aprox)

Pasos

  • Comezamos preparando o amoado. Botamos o leite coa manteiga, a vainilla e o ron nun cazo. Poñémolo a lume medio e agardamos até que ferva. Retiramos do lume e deixamos repousar uns minutos.
  • Mentras tanto nun cunco batemos as xemas, o ovo e os azucres cun batedor eléctrico de globo. Batemos até que aclaren un pouco os ovos.
  • Cando teñamos os ovos batidos engadimos o leite, remexemos e a continuación imos botando pouco a pouco a fariña peneirada e batindo a baixa velocidade. É importante que o leite estea quente cando o botamos aos ovos e ao azucre para que se cociñen un pouco.
  • Gardamos a masa nunha xerra, tapámola e cando arrefríe un pouco metémola na neveira. Deixamos repousar 24 h dentro da neveira e sacámola un par de horas antes de usala para que se atempere.
  • Quentamos o forno a 250 graos. Botamos a masa nos moldes dos canelés coa axuda da xerra sen enchelos de todo e metémolos no forno. Deixamos 12 minutos a 250º e logo baixamos a temperatura a 175º e seguimos cociñándoos 40 minutos. Apagamos o forno e deixámolos dentro outros 5 minutos coa calor residual.
  • Finalmente retiramos do forno e agardamos a que arrefríen para tiralos do molde.