Xeados de manga

Detalles

Racións

4 xeados

Tempo

15 minutos

 Unha idea para gozar das froitas e que seguro que os máis cativos adorarán é facer xeados con elas. Neste caso probamos a facelos con manga, pero podemos facelo con pexegos, plátanos ou combinando as froitas das que máis gostemos.  

Ingredientes

  • 1 manga (325 g)

  • 50 ml de nata para bater

  • 20 g de azucre

  • MOLDES
  • 4 moldes de xeado con pauiño

Pasos

  • Pelamos a manga e tirámoslle o oso. A continuación triturámola con un batedor e reservamos.
  • Noutro cunco á parte mesturamos a nata co azucre e montamos cun batedor de globo, comezando a baixa potencia e subindo pouco a pouco até que se debuxen sucos na superficie.
  • Integramos a manga triturada coa nata montada con movementos envolventes.
  • Por último vertemos nos moldes para xeados e deixamos conxelar unhas 6 ou 8 horas antes de gozar deles.