Detalles
2 persoas
30 minutos
Fácil
O poke é unha comida de pescadores tradicional de Hawai e que ultimamente se volveu moi popular no resto do mundo. Consiste nunha base de arroz con peixe mariñado, orixinariamente polbo ou atún pero as versións modernas incluen outros como o salmón. Pode levar moitos acompañantes, os máis famosos son as algas ou froitas como o aguacate ou a manga.
Tanto a alga wakame como o edamame mercámolos conxelados en Mercadona. O aceite de sésamo, o vinagre de arroz ou a spicy mayo poden atoparse facilmente en tendas de produtos asiáticos, ademais a spicy mayo tamén podemos facela nós mesmos. Podemos substituir o vinagre de arroz por zume de limón se queremos.
Ingredientes
150 g de arroz
salsa de soia
aceite de sésamo
xenxibre
vinagre de arroz
(podemos substituir por zume de limón)bagullos de edamame
1/2 cogombro
1 aguacate
1 ravo
sementes de sésamo
alga wakame
1/2 manga
spicy mayo
(podemos comprala ou facela nos mesmos)- Se queremos facer nós a Spicy mayo:
1 culler de zume de lima
175 g de maionesa
2 culleres de sriracha
Pasos
- Lavamos moi ben o arroz con varias augas para quitarlle todo o amidón e que quede máis solto.
- Cocémos o arroz en abundante auga: 5 minutos a lume máximo, 7 minutos a lume medio e a continuación apagámolo e deixámolo repousar 10. Escorremos e pasámolo por auga fría para evitar que siga cociñándose. Escorremos ben e agardamos até que arrefríe de todo, podemos facelo dun día para o outro tamén.
- O peixe debería ser conxelado para evitar problemas cos anisakis. Podemos mercalo directamente conxelado, ou se o mercamos fresco conxelalo mínimo 72 h antes de comelo. Unha vez desconxelado sacámoslle a pel e cortámolo en anacos, reservamos.
- Para mariñar o salmón imos mesturar nun cunco de cerámica ou cristal:
2 culleres de mollo de soia
1 culler de aceite de sésamo
2 culleres de vinagre de arroz
1 anaco de xenxibre relado - Mesturamos ben e engadimos os anacos de salmón, deixamos na neveira cuberto cun papel film durante 15 minutos.
- O edamame adoita comercializarse conxelado dentro do bagullo. Cocémola directamente en auga con sal durante 5 minutos. Agardamos que arrefríen un pouco, debullámos e reservamos.
- A alga wakame podemos comprala de moitos xeitos, para esta ocasión mercámola conxelada. Unha vez desconxelada pode empregarse directamente.
- Cortamos en rodas finiñas o ravo, o cogombro, o aguacate e reservamos. Cortamos a manga en dadiños pequenos.
- Botamos nun cunco o arroz frío, o salmón mariñado a un lado e a manga no medio. Imos colocando o resto dos ingredientes ao redor: o edammame debullado, a alga wakame, o ravo, o cogombro e o aguacate. Deixamos un oco libre para que se vexa o arroz.
- Facemos unhas liñas por enriba con spicy mayo. Esta salsa podemos comprala ou facela nós mesmos mesturando a sriracha, a maionesa e o zume de lima.
- Botamos por enriba sementes de sésamo e servimos!