Detalles
8 persoas
75 minutos
Antipasti é unha palabra italiana que significa aquelo que ven antes da comida, pasto. Adoita empregarse para referirse a un tipo específico de entrante ou aperitivo. Nun bo antipasti italiano non poden faltar embutidos, queixo ou verduras, tanto asadas como encurtidas. E todo isto acompañado con pan e viño.
Como no noso país tamén producimos queixos e embutidos excelentes imos facer unha versión á galega deste entremés. Para os queixos empregamos queixo de San Simón, queixo de Arzúa, queixo azul, queixo de ovella con romeu e tomiño e tamén Idiazabal, un queixo de ovella moi famoso feito en Euskadi. Cortamos os queixos como máis gostemos, e colocámolos sobre unha bandexa xunto a xamón, salchichón e lacón cocido. O lacón cortámolo en lascas e botámoslle un chisco de aceite e pemento picante moído por enriba. Para acompañar os embutidos e o queixo, podemos engadir noces, uvas e encurtidos como olivas, cogombriños ou ceboliñas. Xa o temos case todo listo, fáltanos só o último complemento, as verduras. Para comer enriba do pan fican xenial uns tomatiños cereixa asados ou unha escalivada, un prato típico de Catalunya que contén pementos, berenxena e cebola asados.
Podemos deixar preparada a escalivada e os tomatiños con antelación, cortar os queixos e colocar todo un pouco antes de comelo. Así, dun xeito sinxelo e rápido conseguimos un aperitivo moi vistoso e completo, perfecto para petiscar antes dunha comida mentras tomamos un viño e botamos unha parolada.
Ingredientes
200 g de queixo de Arzúa
250 g de queixo de San Simón
da Costa300 g de queixo azul
(Lara & Sara de Prestes)250 g de queixo Idiazabal
(cuña)200 g de queixo de ovella
con romeu e tomiño- Embutidos:
100 g de xamón curado
200 g de lacón cocido en lascas
100 g de salchichón
aceite de oliva
pemento picante moído
- Para os tomatiños:
250 g de tomatiños cereixa
4 allos
alfábega fresca
- Para a escalivada:
2 berenxenas
2 pementos vermellos
1 cebola
sal e aceite de olivia
- Pan:
Galletas mariñeiras
Mini canapés de uvas pasas
Pauiños de pan
- Acompañantes:
uvas
noces
encurtidos
(olivas, cogombriños e ceboliñas)
Pasos
- Para a escalivada:
- Lavamos as berenxenas e os pementos e tiramos a pel de fora das cebolas.
Quentamos o forno a 150 graos. Nunha bandexa para forno poñemos a cebola, os pementos e as berenxenas enteiras. A continuación botámoslles un pouco de aceite de oliva por enriba, estendéndoo ben coas mans por toda a súa superficie. - Cando o forno acade a temperatura metemos a bandexa e deixamos durante 60 minutos máis ou menos. Durante ese tempo temos que virar as verduras unha ou duas veces para que non se queimen.
- Sacamos do forno e deixamos que arrefríen, reservamos o zume que ficou na bandexa. Despois pelamos as berenxenas e os pementos e tamén gardamos o zume que solten ao pelalas. Cortamos a cebola en tiras, desfiamos cun garfo as berenxenas e os pementos e mesturamos co zume que soltaron.
- Servimos nun cunco cun pouco de sal por enriba.
- Para os tomatiños:
- Pelamos os allos e nunha tixola con aceite de oliva poñémolos a lume moi baixo para confitalos durante 5 ou 10 minutos, sen que cheguen a queimarse. Cando os allos estean pasadiños engadimos os tomates lavados, colocamos unha tapa sobre a tixola e salteamos uns minutos até que os tomates se cociñen ben e comecen a abrirse. Colocámos os tomates nun cunco xunto ao aceite de cociñalos, cun chisco de sal e con follas de alfábega fresca por enriba.
- Para os queixos:
- Cortamos os queixos como máis nos gusten. Suxerimos cortar o queixo azul en cadradiños, o queixo de Arzúa en tiras ou o Idiazabal en trianguliños aproveitando a cuña. O queixo de San Simón hai que cortalo sempre de arriba a abaixo para aproveitar os seus matices. Tanto o queixo San Simón como o Arzúa, se os conservamos na neveira, estarán máis bos se os cortamos e os deixamos un tempo para que se atemperen, serán moito máis cremosos e saborosos.
- Preparación:
- Colocamos o lacón cocido e cortado en lascas nun pratiño, botámoslle un chisco de aceite de oliva e pemento picante moído por enriba.
- Colocamos o queixo cortado nunha bandexa grande, rodeado dos embutidos, o pan e os acompañantes como as noces, as uvas ou os encurtidos. Podemos facelo como máis nos guste.
- Colocamos a escalivada e os tomatiños en cuncos ao lado. Podemos comelos fríos ou darles un golpe de calor antes de servir.
- E agora a desfrutalo cun bo viño, unha cervexa ou algún espumoso!