Detalles
Racións
8 persoas
Tempo
30 minutos
As farófias son un doce tradicional portugués, moi popular na zona de Lisboa. Son montañiñas de clara de ovo montada con azucre, lixeiras e esponxosas coma unha nube, que se serven cunha crema feita coas xemas. Na receita tradicional as claras cócense en leite e o doce remátase con canela mentres que na nosa só precisamos un minuto no microondas. Perfumámolas con laranxa e acompañámolas cun caramelo de xemas. O resultado é unha sobremesa suave, fresca e moi sinxela de preparar.
Pasos
- Para comezar a preparación cascamos os ovos e separamos as xemas das claras. Nun cunco engadimos o azucre branco, as claras e a reladura da pel de laranxa. Batemos cun batedor de globo, comezando a baixa potencia e subindo até que se monten e debuxen sucos.
- A continuación, coa axuda dunha culler imos facer montañiñas coas claras montadas e colocámolas sobre un prato. Cando teñamos 4 metémolas no microondas a 400 W durante un minuto. É importante respectar o tempo para que queden ben esponxosas e non se nos pasen. Repetimos o proceso até telas todas cociñadas e deixámolas arrefriar.
- Para preparar a cobertura, botamos nun cazo o azucre cun chorriño de auga e facemos a fogo baixo até termos un caramelo moi líquido. Cando o teñamos, retiramos do lume e deixamos arrefriar un chisco para non cocer as xemas cando as incorporemos.
- Posteriormente engadimos as xemas fora do lume e mesturamos cun batedor de globo até que se integren completamente. Por último, voltamos colocar o cazo a fogo moi baixo e cociñamos un par de minutos mentras remexemos constantemente. Servimos as farófias ben frias co mollo que preparamos por enriba.




















