Berenxenas recheas

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

90 minutos

Ingredientes

  • 2 berenxenas

  • 250 g de carne de porco picada

  • 2 allos

  • 1 cebola

  • 1 pemento vermello

  • 200 g de bechamel

  • 150 g de queixo relado

  • 350 g de salsa de tomate

  • 1 chorriño de viño

Pasos

  • Comezamos lavando as berenxenas e cortándoas pola metade cun corte lonxitudinal. A continuación facemos cortes na carne da berenxena formando cadradiños e con coidado de non romper a pel. Metémolas no forno a 180º durante 30 minutos cun chisco de sal e aceite por enriba.
  • Pasado este tempo sacámolas do forno, cunha culler retiramos a carne e reservámola. 
  • Despois de cociñar as berenxenas cortamos a cebola, o allo e o pemento en brunoise. Imos comezar por rustrir a cebola a lume baixo cun chisco de sal até que estea transparente e logo engadimos o pemento e o allo.
  • Agregamos tamén a carne picada e dourámola un chisco, pasados uns minutos regamos co vaso de viño e deixamos evaporar o alcohol. Despois diso incorporamos a carne da berenxena e o tomate frito e deixamos cociñar a fogo lento uns 15 minutos, remexendo de cando en vez.
  • Cando teñamos a carne cociñada rectificamos de sal e cunha culler enchemos as berenxenas coa mestura que preparamos.
  • Para rematar cubrímolas con bechamel e con queixo relado e metémolas outros 10 minutos no forno a 180º. Antes de sacalas do forno gratinamos até que se douren un pouco por enriba e servimos quentiñas.