Detalles
Racións
12 unidades
Tempo
45 minutos
Ingredientes
500 g de patacas
350 g de bacallau desalgado
1/2 cebola
1 culler de fariña de trigo
2 dentes de allo
pementa negra moída
pirixel fresco
1 ovo
aceite de xirasol para fritir
Pasos
- Comezamos colocando o bacallau desalgado nunha pota e cubrímolo con abundante auga. Poñemos a pota ao lume e cando comece a ferver deixamos 15 minutos.
- Cando o teñamos cociñado retiramos e reservamos. A continuación lavamos as patacas e imos cocelas na auga onde cocemos o bacallau, botámolas enteiras e deixamos cocer uns 30 minutos, dependendo do tamaño. Pasado este tempo podemos picalas cun garfo e ver se están brandiñas, se é así escorrémolas e pasámolas por auga fría para non queimarnos.
- Mentres arrefrían un pouco as patacas cortamos a cebola en dadiños moi finos e cun chisco de aceite sofritímola nunha tixola. Botámoslle un pouco de sal e deixamos a fogo baixo até que se poña transparente, a continuación engadimos o allo ben picadiño e continuamos refogando.
- Pelamos as patacas e esmagámolas ben cun garfo até ter unha especie de puré.
- Por outro lado retiramos a pel e as espiñas do bacallau e esfiámolo con dous garfos. Outro opción que podemos facer para esfialo é colocalo nun pano de cociña limpo e e amasalo coas mans para que se desfaga de todo.
- Engadimos o bacallau esfiado á tixola xunto coa cebola e o allo e refogamos uns minutos, a continuación botámoslle o puré de pataca e seguimos remexendo. Incorporamos tamén a culler de fariña, peneirándoa para evitar que se formen bolos, e mesturamos todo ben.
- Apagamos o lume e picamos ben finiño unhas ramiñas de pirixel. Botámolo na tixola xunto con pementa moída ao gusto e engadimos tamén o ovo enteiro. Integramos ben todos os ingredientes, ben coas mans ou ben con dúas culleres.
- Sacamos a masa da tixola para un prato e deixamos arrefriar un chisco, podemos facela dun dia para o outro se preferimos e deixala na neveira cun filme transparente para que estea ben fría.
- Para facer os boliños mollamos un chisco as mans con auga e imos collendo anacos de masa cunha culler e formando bolas coas palmas até que estean ben redondiños.
- Finalmente botamos nun cazo o aceite de xirasol para fritilos, o suficiente para cubrir ben os bolos e que se cociñen por toda a súa superficie. Cando o aceite estea ben quente imos botándoos pouco a pouco e fritíndoos até que estean douradiños.
- Colocámolos nun papel absorbente para tirar o exceso de aceite e servimos ben quentes. Podemos botarlles por enriba un chorriño de lima para darlles máis sabor.