As natillas de Marisilvi

Detalles

Racións

8 unidades

Tempo

30 minutos

Dificultade

Fácil

Moldes

Vasiños de chato

As natillas ou crema de ovo é unha das sobremesas máis populares, pero non adoitamos facela na casa. Esta é a receita que nos fai a nosa amiga Marisilvi sempre que pode. É unha receita sinxela, rápida e ben saborosa, unha vez que a probedes non volveredes mercalas nunca máis. 

Ingredientes

  • 4 ovos

  • 175 g de azucre

  • 1 litro de leite

  • 2 culleradas de maicena

  • 8 galletas maría

  • 1 rama de canela

  • 1 limón

  • canela en pó

Pasos

  • Lavamos e tiramos a monda do limón cun pelador con coidado de non sacar a parte branca para que non amargue.
  • Apartamos un vaso do litro de leite e o resto botámolo nunha pota pequena xunto co azucre, a monda do limón e a rama de canela.
  •  Poñémolo a lume medio remexendo de cando en vez até que empece a ferver, retiramos do lume e deixamos infusionar durante 10 minutos. Unha vez infusionado quitamos as mondas do limón e a rama de canela. 
  • Ao leite que reservamos no vaso engadímoslle pouco a pouco a maicena e mesturamos ben antes de engadir máis para evitar que se formen bolos. Cando teñamos toda a maicena disolta no leite botámola nun cunco, engadímoslle os 4 ovos e batemos todo até que quede unha mestura homoxénea.
  • A continuación botamos a mestura na pota co leite quente e poñemos a lume baixo,  remexemos constantemente cun batedor de globo para evitar que se pegue até que espese.
  • Cando vexamos que xa ten a consistencia desexada, retiramos do lume e servimos en 8 cuncos. Nós empregamos vasos de chato. Agardamos que arrefríe un pouco e colocamos as galletas enriba, a continuación botamoslles canela en pó ao gusto.
  • Metémolas na neveira e servímolas frías.