Detalles
Racións
6 persoas
Tempo
30 minutos
Esta torta é case máxica, faise moi rápido e o resultado é marabilloso. Ten un sabor moi fresco e suave, ideal para rematar o xantar con bo sabor de boca.
Ingredientes
370 g de leite condensado
200 ml de nata para bater
200 ml de leite
300 g de queixo crema
175 ml de zume de limón (4 limóns aprox)
175 g de bolachas maría
- MOLDE
Molde desmontábel de 19 cm de diámetro
Pasos
- Imos empregar o borde dun molde desmontábel de 19 centímetros de diámetro máis ou menos. Colocamos o bordo do molde, sen a base, no prato no que imos servir a torta e cubrímolo con papel de forno. Podemos untar cun pouco de manteiga o molde para axudar a pegar mellor o papel.
- Nun cunco botamos o leite condensado, a nata, o leite e o queixo. Batemos á man cun batedor de globo até que nos fique unha mestura homoxénea. Teremos unha crema moi líquida polo momento.
- Cortamos un dos limóns pola metade e cortamos 2 toros finiños. Imos partir estos toros á metade e colocalos nos bordos do molde por dentro para decorar. Logo exprememos os limóns até obter 175 ml de zume.
- Cando teñamos o zume preparado, imos engadíndoo á mestura de nata e leite pouco a pouco mentras batemos á man co batedor de globo. Observaremos como comeza a espesar até ter unha crema máis densa. Integramos ben e reservamos.
- Despois botamos no prato dentro do molde unha primeira capa de crema, e logo a primeira capa de bolachas por encima. Se nos quedan ocos sen cubrir podemos partir as bolachas para tentar cubrir a máxima superficie de crema. Repetimos o proceso até ter 4 ou 5 capas de bolachas e estendemos ben a última capa de crema.
- Deixamos repousar na neveira unhas 5 ou 6 horas até que se solidifique e antes de servir, desmoldamos e relamos un chisco de limón por enriba. Tamén podemos decorar con toros de limón ou folliñas de menta.