Vasiños de Tiramisú

Detalles

Racións

6 persoas

Tempo

45 minutos

Dificultade

Fácil

O tiramisú é unha sobremesa italiana que conquistou o mundo enteiro. Trátase dunha receita moi sinxela e vistosa feita con queixo mascarpone e biscoitos emborrachados. Nós empregamos biscoitos comprados porque o resultado é semellante e axilizan o traballo, pero tamén podemos facelos nós mesmos. Neste caso fixemos pequenos tiramisús pero poderíase facer todo xunto nunha bandexa grande se se prefire.

Ingredientes

  • 10 biscoitiños de soleta

  • 500 g de queixo mascarpone

  • 2 ovos

  • 30 g de cacao en pó puro 100%

  • 80 g de azucre

  • café

Pasos

  • Facemos unha cafeteira mediana de café, botámolo nun prato e agardamos a que arrefríe
  • A continuación separamos as xemas das claras. Montamos as claras cun batedor de globo eléctrico, pouco a pouco subindo a velocidade até que estean listas.
  • Botamos nun cunco as xemas co azucre e batemos cun batedor de globo eléctrico uns 5 minutos ou máis até que se desfaga ben o azucre e as xemas cambien a cor branqueando.  
  • Remexemos un pouco o queixo mascarpone para que se integre mellor co resto dos ingredientes e mesturámolo coa xemas. A continuación engadimos as claras montadas e mesturamos todo con movementos envolventes para evitar que perdan aire.
  • Co café xa frio emborrachamos os biscoitos de soleta e colocámolos na base dos vasiños, como son máis grandes que os vasos cortámolos en anacos para axeitalos. 
  • Cubrimos os biscoitos coa crema de queixo mascarpone e cun coador botamos o cacao en pó por enriba.
  • Servimos ben frío.