Cabaza asada con salsa de iogur, milgranda e noces

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

45 minutos

Ingredientes

  • ½ cabaza

  • 2 iogures naturais

  • zume de medio limón

  • 5 dentes de allo

  • pementa negra

  • 8 noces peladas

  • ½ milgranda

  • sal

  • aceite de oliva

Pasos

  •  En primeiro lugar tirámoslle a casca á cabaza e cortámola en cuarteiróns. Nunha bandexa para o forno colocamos papel vexetal e dispoñemos sobre ela os anacos de cabaza xunto con 4 allos enteiros e sen pelar.
  • Botámoslles sal e pementa moída por enriba e regamos cun chorriño de aceite todos os anacos. Imos metela no forno, que previamente quentamos a 180º C, durante uns 40 minutos máis ou menos.
  • Mentras se cociña a cabaza aproveitamos para facer o mollo de iogur. Exprememos o zume de medio limón e botámolo no vaso dun batedor, a continuación engadímoslle un allo pelado e trituramos. Agregámoslle os dous iogures, un chisco de sal e un chorriño de aceite e remexemos ben até que se integren todos os ingredientes.
  • Cando teñamos a cabaza pronta, retiramos do forno e servimos nos pratos con mollo de iogur por enriba e decorada con anacos de noz e sementes de milgranda.