Callos veganos ou setas con garavanzos

Detalles

Racións

4 persoas

Tempo

45 minutos

Se sodes dos que só comen os garavanzos dos callos, con esta receita ides lamber até o fondo do prato. Trátase dunha versión vegana dos callos na que sustituímos as tripas polos cogomelos.

Ingredientes

  • 250 g de champiñóns portobello

  • 250 g de cogomelos shiitake

  • 500 ml de caldo de verduras

  • 400 g de garavanzos cocidos

  • 2 dentes de allo

  • 1 cebola doce

  • 1 vaso de viño branco

  • 1 tomate grande maduro

  • 1 culler maicena

  • pemento doce moído

  • 1 caiena

  • comiño moído

  • cúrcuma moída

  • aceite de oliva

  • sal

Pasos

  • En primeiro lugar, picamos a cebola ben finiña xunto co allo e cun chisco de aceite e sal sofritímolos a lume baixo durante uns minutos.
  • A continuación engadimos o tomate, pelado e cortado en cadradiños, e seguimos refogando. Engadimos tamén o viño branco e a caiena e deixamos a fogo lento mentras remexemos de cando en vez durante uns 20 minutos.
  • Pasado este tempo botámoslle unha culler de maicena e cociñámola ben mentras a mesturamos coas verduriñas. Logo lavamos e picamos non moi finas as setas, incorporámolas e deixamos que se cociñen un pouco mentras remexemos.
  • Engadímoslle unha culler pequena de cúrcuma, unha culler pequena de pemento e duas ou tres de comiño. Despois de engadir as especias mesturamos ben todos os ingredientes e regamos co caldo de verduras. Probamos o sal e rectificamos se for preciso, podemos engadir máis comiño se gostamos.
  • Cando comece a quencer o caldo incorporamos os garavanzos, mesturamos e deixamos cociñar todo xunto uns 5 ou 10 minutos a fogo lento.
  • Finalmente deixamos repousar un pouco e servimos ben quentiños. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *