Coxinhas de polo

Detalles

Racións

10 racións

Tempo

90 minutos

Dificultade

Fácil

As coxinhas son un salgadinho ou snack moi común no Brasil, en cada padaría ou bar podes atopalas. Teño que recoñecer que son un grande fan deste prato, a tempada que vivín alí raro era o día que non comía coxinhas. Encántanme!

A receita é sinxela aínda que algo laboriosa, primeiro elabórase unha masa con fariña e caldo de polo, a continuación faise o recheo con polo desfiado e finalmente montanse e daselles forma. Para a carne pódese usar peituga ou outras partes do polo. Podemos cocer a mesma carne para facer o caldo xunto con algunhas verduriñas como zanahoria ou porros ou aproveitar o polo que sobre doutros pratos. Neste caso eu fixen un polo asado ao forno e empreguei o sobrante para as coxinhas. Ben cozamos a carne no caldo ou usemos outra, é necesario desfacela coa axuda dun garfo para formar o recheo.

A receita orixinal non leva queixo máis é común botarllo. A min persoalmente gustame máis que o recheo quede algo zumarento e non tan seco. Non atopei o requeixo que se empraga no Brasil aquí así que lle botei queixo crema ou Philadelphia e o resultado foi ben bo.

Ingredientes

  • Para a masa:
  • 500 ml de caldo de polo

  • 100 g de manteiga

  • 230 g de fariña de trigo

  • Para o recheo:
  • carne de polo desfiada

  • 3 dentes de allo

  • 1 cebola

  • 1 tomate

  • pirixel picado

  • queixo crema

  • Para o rebozado:
  • 2 ovos

  • pan relado

  • fariña

Pasos

  • Para a masa:
  • Botamos nunha pota o caldo de polo e quentámolo un pouco. Engadímoslle a manteiga cortada e derretémola no caldo.
  • Botamos a fariña peneirada pouco a pouco e imos remexendo para evitar que se formen bolos. Sazonamos con un pouco de pementa moída e sal.
  • Mesturamos ben a fariña co caldo até obter unha masa consistente. Reservamos e deixamos arrefriar.
  • Para o recheo:
  • Picamos o allo e a cebola e pasámolos a fogo baixo con un chisco de aceite.
  • Engadimos o polo desfiado refogamos, a continuación botamos o tomate cortadiño en anacos e agardamos até que se cociñe.
  • Engadímoslle sal, pementa e pirixel e un par de culleres de queixo crema.
  • Mesturamos todo ben e deixamos arrefriar.
  • Para formalas:
  • Cando teñan arrefriado a masa e o recheo, formamos as boliñas. Para iso collemos un anaco da masa, aplanámola ben na palma da man e botamos unha culler do recheo no centro. Envolvémola e dámoslle a forma característica da coxinha, acabando en punta.
  • Cando teñamos todas as boliñas formadas rebozámolas pasándoas por fariña, ovo batido e pan relado.
  • Finalmente friximos con abundante aceite, eu usei un cazo para que fose o suficientemente profundo.
  • Despois de frixir pasámolas a un prato con papel de cociña para que absorva o aceite sobrante e xa podemos desfrutar desta rica comida brasileira.
  • Acompañadas dunhas caipirinhas estarán aínda máis boas!