Detalles
Racións
2 persoas
Tempo
15 minutos
Dificultade
Fácil
O goxua é unha lambonada moi famosa no País Vasco, goxua en euskera significa doce ou que está bo. Esta lambetada faise en tres capas: unha base de nata montada, a continuación unha capa de biscoito borracho en almibre e unha última de crema que se acaramela cun soprete. É unha auténtica bomba pero como o seu propio nome indica está boísimo.
Ingredientes
200 ml de leite
60 g de azucre
100 ml de nata
45 ml de auga
10 g de maicena
1 limón
1 ovo
2 madalenas
1/2 rama de canela
30 ml de ron
Pasos
- Botamos15 g de azucre na nata e montámola cun batedor de globo. Reservamos.
- Gardamos un pouco de leite nun vaso e botamos o resto nun cazo, coa monda do limón e a canela. Quentamos até antes de que ferva, retiramos do lume e deixamos infusionar 10 minutos, pasado este tempo quitamos a canela e a monda do limón.
- Para facer a crema disolvemos pouco a pouco a fariña de millo no leite frío que reservamos no vaso, cando estea toda ben disolta botamos 30 g de azucre e o ovo. Mesturamos todo ben e a continuación engadímolo ao cazo co resto do leite quente, poñémolo a lume medio e remexemos cun batedor de globo para evitar que se pegue até que espese. Retiramos do lume e deixamos arrefríar.
- Imos facer un almibre para emborrachar as madalenas, para isto mesturamos 15 g de azucre con 45 ml de auga e colocamos no lume até que se disolva o azucre. A continuación retirámolo do lume e botamos o ron, mesturamos ben e agardamos a que arrefríe un pouco.
- Colocamos o almibre nun prato e emborrachamos as madalenas nel.
- Para montar o goxua colocamos en dous vasos: primeiro unha capa de nata, a continuación a madalena borracha e por último a crema. Botamos unha culler pequena de azucre por enriba da crema e cun soprete acaramelámolo.
- Servimos ben frío e cunhas follas de menta para decorar.