Detalles
Racións
8 persoas
Tempo
90 minutos
A torta de queixo xaponesa é unha das variantes máis suaves desta torta. É esponxosa, lixeira e moi típica da gastronomía nipoa. É tan tan esponxosa que se pode oir!!! Cocíñase ao baño maría para que quede máis tenra e lene.
Ingredientes
200 g queixo crema
4 ovos
200 ml de leite
40 g de fariña
80 g de azucre
zume de 1/2 limón
manteiga para untar
papel de forno
- MOLDE
Molde desmontábel
de 18cm de diámetro
Pasos
- En primeiro lugar separamos as xemas das claras.
- Batemos o queixo con un batedor de globo e cando estea ben cremoso engadimos o azucre pouco a pouco mentras batemos. Seguimos batendo até que quede unha mestura homoxenea.
- Engadimos o leite e seguimos mesturando co batedor de globo, a continuación engadimos as xemas pouco a pouco mentras continuamos batendo. Botámoslle tamén a fariña peneirada e o zume do limón, coado para evitar as pebidas. Mesturamos todo ben até ter unha masa homoxénea e reservamos.
- Nun cunco á parte imos bater as claras. Engadímoslles un chisco de sal e comezamos batendo a baixa potencia cun batedor de globo. Imos subindo pouco a pouco a potencia até que as teñamos montadas. Veremos como o batedor debuxa surcos nas claras ben esponxosas cando estean no punto.
- Cando teñamos as claras montadas, cunha lingua e con moito cuidado imos integrandoas pouco a pouco na masa con movementos envolventes.
- Untamos o molde desmontábel con manteiga e cortamos dous anacos de papel de forno. Un coa forma da base e outro para os bordos, a manteiga axudaranos a que se pegue ben o papel ao molde. Deixamos que o papel dos bordos sobresaia uns 4 dedos por enriba do molde, a torta vai subir bastante e isto axudaranos a que non se bote por fora.
- Vertemos a masa con cuidado e damoslle uns golpiños á base do molde contra o mesado para asentar o amoado. A continuación cubrímolo por fora con papel de aluminio. Facemos isto para que non entre auga ao cocer a torta ao baño maría, se estamos seguros de que o noso molde non ten perdas non é necesario que fagamos isto.
- Nunha bandexa de forno colocamos a torta e botamos auga quente na bandexa ao redor do molde, o suficiente para cubrir uns 2/3.
- Metemos no forno, que previamente quentamos a 160º con calor arriba e abaixo, e deixamos uns 20 minutos.
- Pasado este tempo baixamos a temperatura a 130º e deixamos outros 30 minutos.
- Cando rematemos de cocela, apagamos o forno e abrimos un pouco a porta. Deixámola repousar neste estado uns 10 ou 15 minutos para que se atempere pouco a pouco e non baixe de golpe.
- Sacámola do fonro e deixámola arrefriar unhas 3 horas antes de comela. Mirade como se move e oide como soa!!!