Bolachas do Apalpador

Detalles

Racións

6 persoas

Tempo

120 minutos

Dificultade

Media

Molde

Bandexa de forno e cortapastas

O Apalpador ou Pandingueiro é un xigante carboeiro que baixa cada Nadal das montañas do Courel para apalpar as barrigas dos cativos e cativas e así comprobar se comeron ben durante todo o ano. Ás crianzas que foron boas déixalles unha presa de castañas e agasallos, e apalpándolles a barriga desexalles felicidade e fartura o vindeiro ano. Para comemorar esta figura do Nadal galego e para que desfruten os máis cativos deixámosvos a receita destas bolachas. A receita da masa é igual que a nosa receita de bolachas de manteiga, e para a cobertura empregamos fondant de cores. Para facer a forma da barba, a boina e a pipa podedes empregar este modelo.

Ilustración do Apalpador por Leandro Lamas

Ingredientes

  • 2 ovos

  • 250 g de manteiga
    a temperatura ambiente

  • 140 g de azucre

  • 500 g de fariña de trigo

  • fondant laranxa

  • fondant branco

  • fondant negro

Pasos

  • Para as bolachas:
  • Temos que ter a manteiga a temperatura ambiente, para isto sacámola da neveira mínimo unha hora antes de facer as bolachas.
  • Con un batedor de varas eléctrico mesturamos ben a manteiga co azucre durante 5 minutos.
  • Engadimos un ovo e seguimos batendo, o outro ovo reservámolo para pintalas.
  • Peneiramos a fariña e imos engadíndolla pouco a pouco á manteiga mentras batemos. Cando teñamos toda a fariña botada amasamos coas mans uns minutos até ter unha masa homoxéna.
  • Cando estea ben amasado, facemos unha bola, cubrímola con papel film e metémola na neveira 1 hora para que se acabe de formar a masa.
  • Pasada a hora, botamos un pouco de fariña sobre unha superficie e coa axuda dun rolete estendemos a masa até que quede cun grosor dun centímetro máis ou menos.
  • Con un cortapastas redondo imos cortando as bolachas e colocándoas sobre unha bandexa cuberta con papel de forno.
  • Batemos o outro ovo e cunha brocha pintamos as bolachas por riba e decorámolas con avelás partidas á metade.
  • Prequentamos o forno a 180 graos e cando estea temperado metemos as bolachas uns 10 minutos. Cando os bordos se comecen a poñer morenos é o momento de sacalas.
  • Finalmente deixámolas enriba dunha rexa para que arrefríen.
  • Para a cara do Apalpador:
  • Cortamos o fondant das diferentes cores e amasamos un pouco coas mans até que teñamos unha masa maleábel. Con un rolete extendemos sobre a mesa até conseguir un grosor duns 2 ou 3 mm. Para traballar mellor a masa e evitar que se pegue podemos botarlle un pouco de maizena ou azucre glass.
  • Para facer a forma da barba, a boina e a pipa podedes empregar este modelo. Para os ollos pódese empregar unha tapa de boli bic para facer a parte interior negra e unha tapa de rotulador para o branco.
  • Cortamos as siluetas do apalpador cun coitelo e colocámolas enriba das bolachas mollando un pouco o fondant por abaixo cun pincel e auga para que se pegue á bolacha.