Detalles
Racións
4 persoas
Tempo
45 minutos
Ingredientes
1 kg mexilóns frescos
con cuncha1 cebola
1 tomate maduro
5 g de xenxibre fresco
2 allos
1/2 porro
2 cenorias
1 pataca pequena
2 culleriñas de cúrcuma
1/2 culleriña de pemento
doce moído2 culleriñas de curry
Pasos
- Lavamos os mexilóns e cun coitelo quitámoslles as barbas.
- Botámolos nunha pota alta cun pouco de auga, sen chegar a cubrilos, botámoslle un chisco de sal e poñémolos a lume medio até que abran, farano en menos de 5 minutos. Escorrémolos gardando a auga e agardamos a que arrefríen un chisco para quitarlles as cunchas.
- Nun morteiro, machucamos cunha gota de auga os allos e o xenxibre, pelados e cortados en anacos.
- Cortamos a cebola en xuliana e poñémola nun cazo a fogo medio-baixo cun pouco de aceite e sal, rustrímola até que estea transparente. Engadimos o allo e o xenxibre esmagados coa auga do morteiro e seguimos refogando.
- Engadimos despois o tomate, cortado en anacos e pelado, e seguimos refogando mentras remexemos. Engadimos a cúrcuma, o curry e o pemento doce moído, deixamos uns 5 minutos e retiramos do lume. Reservamos.
- Pelamos as cenorias e a pataca e cortámolos en anacos xunto ao porro.
- Nunha pota á parte, botamos un pouco de aceite e refogamos o porro, a cenoria e a pataca cun chisco de sal. Pasados uns minutos, cando comecen a dourarse, engadimos a mestura de allo, cebola e xenxibre coas especias e refogamos todo outro pouco.
- Botámoslle a auga dos mexilóns pasada por un coador e cocemos todo durante uns 10 ou 15 minutos. Se non nos chega a auga dos mexilóns engadimos auga da billa ou caldo de peixe, temos que cubrir as verduras xenerosamente.
- Cando estean case cocidas as verduras engadimos case todos os mexilons, reservando algúns para presentar. Deixamos uns 4 ou 5 minutos e retiramos do lume.
- Trituramos moi ben cun batedor, probamos como está de sal e engadimos máis se fose necesario.
- Se queremos que quede máis fina a crema podemos pasala por un coador chinés coa axuda dun cazo, tamén podemos comela así máis gordiña.
- Suxírovos presentala en vasiños altos de chopo ou chupito, para tomar como aperitivo queda moi vistosa e é moi cómoda de beber. Podemos botala en pratos ou cuncos tamén para comer con culler se a tomamos como primeiro.