Detalles
Racións
24 unidades
Tempo
45 minutos
Non hai Entroido ou Semana Santa no que miña nai non prepare estas deliciosas roscas, pero tamén gozamos delas durante todo o ano. Esta é a súa receita para que todas poidades probalas.
Ingredientes
4 ovos
500 g de fariña de trigo
15 g de lévedo en po
100 ml de anís
90 ml de aceite de oliva
50 g de azucre
reladura dun limón
sal
Pasos
- Batemos o ovo co azucre cun batedor de globo durante uns minutos e engadimos o aceite pouco a pouco mentres seguimos batendo. Incorporamos tamén a reladura do limón e o anís e seguimos batendo.
- Engadimos a fariña, o lévedo e o sal, mesturamos ben todo e finalmente botamos un pouco de fariña sobre a mesa e traballamos a masa coas mans. Formamos unha bola e deixamos repousar durante unha hora cuberta cun pano.
- Despois do repouso xa podemos comezar a facer as roscas. Imos ir formándoas mentres as fritimos. Para axudarnos a traballar a masa podemos mollar un pouco as mans en aceite, así evitaremos que se nos pegue. Para darlles a forma collemos pequenos anacos de masa e formamos pequenas boliñas, facémoslles un burato no medio cun dedo e estirámolas un pouco.
- Botamos abundante aceite nunha pota, e cando estea quente comezamos a fritir as roscas. Retirámolas no momento que estean douradiñas e colocámolas sobre papel absorbente para tirarlles o aceite sobrante. Finalmente botámoslles azucre por enriba e podemos gozar delas en canto arrefríen un pouco.