Detalles
Racións
4 persoas
Tempo
45 minutos
Dificultade
Fácil
A chave para facer unha crema con todo o sabor é refogar ben os ingredientes antes de cocelos. No caso da cabaza podemos refogala e cocela ou tamén abrila á metade e asala no forno durante 30 minutos para posteriormente triturala co resto, con isto facemos que se caramelicen os azucres da cabaza e potenciamos o seu sabor. Grazas a pataca melloramos a textura da crema, pero podemos botarlle un pouco de nata para cociñar ou leite de coco unha vez triturada, se queremos que quede máis cremosa aínda.
Ingredientes
500 g de cabaza
3 cenorias
1 porro
1 pataca
sal
aceite
1 culler pequena de cúrcuma en pó
1 culler pequena de curry
pementa negra moída
Pasos
- Tiramos a casca da cabaza e cortámola en dados. Lavamos e cortamos o porro en anacos.
- Pelamos a cenoria e a pataca e cortámolas en pedazos.
- Botamos nunha pota un chisco de aceite e cando estea quente engadimos a cenoria e o porro. Deixamos refogar 5 minutos a lume baixo, engadimos a cabaza e refogamos outros 5 minutos.
- Botámoslle un chisco de sal e a pataca e cubrimos con auga.
- Engadimos as especias ao gusto e remexemos.
- Deixamos cocer todo durante uns 20 minutos, até que todas as verduras estean brandas e trituramos con un batedor.
- Para servir podemos decorala con un pouco de ceboliño cortado por enriba.