Detalles
40 orellas
45 minutos
As orellas de entroido son un postre tradicional galego desta época do ano. Consiste principalmente nunha masa feita con fariña e ovo que logo se frite e se cobre con azucre, aínda que hai moitas variantes. Levan este curioso nome pola súa forma, que é similar á das orellas do porco.
Esta receita de orellas é un pouco diferente ás que circulan pola rede. É a que se fai na casa de miña avoa cada Entroido. É un pouco máis sinxela e non leva manteiga nin leite. O resultado é excelente, quedan ben crocantes e saborosas. Son as raíñas do Entroido xunto ás filloas.
Ingredientes
6 ovos
1 limón
525 g de fariña de trigo
sal (5g)
7g de lévedo en po (1/2 sobre)
aceite de oliva suave para fritir
1 culler de azucre (20 g)
azucre glas
1 chorriño de anís
Pasos
- Lavamos o limón e relamos a súa pel cun relador, o máis fino posíbel.
- Nun cunco grande, botamos a fariña, a culler de azucre, o lévedo en pó e unha culleriña de sal. Engadimos a reladura de limón tamén e mesturamos todo ben.
- Facemos un burato no medio da montaña de fariña e imos engadindo os ingredientes líquidos: Os ovos ben batidos, o anís e un chorriño de zume de limón.
- Imos mesturando a fariña dos bordes cara o centro pouco a pouco até ter unha mestura homoxénea. Amasamos uns 5 minutos coas máns e facemos unha bola. Se vemos que se pega moito ás máns podemos botar pouco a pouco por enriba un pouco máis de fariña até que quede máis solta a masa, pola contra se vemos que está moi dura podemos botarlle un chorriño pequeno de leite morno. Dependerá do tipo de fariña e do tamaño dos ovos.
- Botamos un pouco de fariña no fondo do cunco e deixamos repousar a bola tapada cun pano limpo durante unha hora aproximadamente.
- Pasado este tempo, precisaremos un rolete e unha táboa para estender as orellas. Podemos facelo tamén sobre o mesado. Untamos ben o rolete e a táboa con aceite de oliva para evitar que se pegue a masa, repetiremos este paso cada vez que vexamos que se comeza a pegar.
- Botamos abundante aceite nunha pota pequena, o suficiente para ter uns tres dedos de aceite. Quentámolo ben e comezamos a fritir as orellas.
- Imos collendo pequenos anacos da masa e estendendoa co rolete até que quede ben fina. Temos que ver a luz a traves da masa. Unha vez estendida, enrolámola sobre o rolete para collela e botámola no aceite. Cando comece a dourarse dámoslle a volta e cando colla cor polos dous lados, sacámola do aceite, escorrémola e colocámola nun recipiente sobre papel absorvente.
- Se queremos podemos darlles forma cando as fritimos, ao botalas no aceite presionámolas no medio coa axuda de dous garfos até que collan a forma.
- Repetimos con toda a masa até rematala, teremos que ter cuidado de ir temperando o aceite para que non se nos queimen. Despois de telo quente podemos poñer o lume ao mínimo para controlar mellor a temperatura.
- Colocámolas nunha bandexa e botámoslles por arriba abundante azucre glas. Xa podemos desfrutalas!