Tiramisú de cabaza

Detalles

Racións

6 persoas

Tempo

60 minutos

Dificultade

Media

Molde

Rectangular de 30×21 cm

Esta receita é unha versión do Tiramisú tradicional italiano. No lugar de empregar biscoitos de soleta facemos unha base de biscoito de cabaza similar ao que podería ser o biscoito da carrot cake ou tarta de cenoria e para emborrachalo imos empregar almibre de melocotón en lugar de café.

As claves para facer unha boa crema mascarpone son ter o queixo mascarpone a temperatura ambiente antes de empregalo, montar ben as claras e bater moi ben as xemas do ovo co azucre, até que queden brancas. Ademais cando mesturemos as xemas e as claras co mascarpone debemos ter moito cuidado e remexer suavemente e con movementos envolventes para evitar que perda o aire.

Empregaremos sementes de cabaza para decorar por riba xunto co cacao en pó.

Ingredientes

  • Para a base:
  • 4 ovos

  • 100 g de azucre moreno

  • 200 g de fariña

  • 200 g de cabaza crúa pelada

  • 1 sobre lévedo químico

  • 1 culler pequena
    de xenxibre en pó

  • 1 culler pequena
    de canela en pó

  • sal

  • 65 g de aceite de oliva

  • 1 bote grande de
    melocotóns en almibre

  • Para a crema mascarpone:
  • 500 g de queixo mascarpone
    ( a temperatura ambiente)

  • 2 ovos

  • 80 g de azucre branco

  • Para decorar:
  • 30 g de cacao en pó
    puro 100%

  • sementes de cabaza peladas

Pasos

  • Pelamos e relamos a cabaza e reservamos.
  • Batemos os ovos co azucre con un batedor de varas e engadimos o aceite.
  • Tamizamos a fariña e o lévedo e engadimos aos ovos, mesturamos todo.
  • Engadimos a cabaza relada, a canela, un chisco de sal e o xenxibre en pó e mesturamos todo até que estea homoxeneo.
  • Vertemos nun molde rectangular e metemos no forno, que previamente quentamos a 180 graos, durante 30 minutos. Revisamos que estea feito pinchando con un pau alongado, se sae seco está ben cocido.
  • Sacamos do forno e deixamos arrefriar.
  • Crema mascarpone
  • Separamos as claras das xemas dos ovos.
  • Batemos ben as xemas do ovo co azucre cun batedor de varas eléctrico. É moi importante bater ben até que se desfaga o azucre e se poñan case brancas.
  • Montamos as claras dos ovos co batedor de varas, primeiro a potencia baixa, engadimos un chisco de sal e subimos a potencia até que estén prontas.
  • O queixo mascarpone ten que estar a temperatura ambiente para mesturalo cos ovos, para isto sacámolo do frigorífico un pouco antes de empregalo. Remexemos o queixo mascarpone para que teña todo a mesma textura e engadimos as xemas batidas e as claras montadas. Remexemos todo con unha lingua e con movementos suaves e envolventes para evitar que as claras perdan todo o aire e conseguir así que quede cremoso.
  • Montaxe
  • Unha vez frío, cortamos o biscoito pola metade con un coitelo grande de serra.
  • Escorremos o almibre dos melocotóns e trituramos un melocotón xunto co almibre cun batedor.
  • Colocamos a base de biscoito no molde, emborrachámolo co almibre de melocotón e botamos unha capa de crema mascarpone. Colocamos o outro biscoito por riba, emborrachámolo e cubrímolo con máis crema mascarpone.
  • Con un coador esparexemos o cacao en pó pola superficie do tiramisú e colocamos as pebidas da cabaza por riba para decorar.
  • Cubrimos con papel film e deixamos na neveira como mínimo un par de horas para que arrefríe e tome consistencia.
  • Antes de servir podemos esparexer un pouco máis de cacao por riba.