Detalles
Racións
4 persoas
Tempo
45 minutos
Volován provén do francés vol-au-vent, que traducido literalmente sería algo así como voar ao vento ou saír voando, e como podedes imaxinar chámanse así porque son moi lixeiros. É un pastel oco de masa de follado e que se pode encher para facer pratos doces ou salgados, neste caso o recheo é de lagostinos cocidos bañados nunha crema de cava e limón.
Ingredientes
2 láminas de masa follada (500g)
1 ovo
125 ml de cava
150 ml de nata para cociñar
300 g de lagostinos cocidos
2 limóns
sal
pementa negra moída
ramiña de romeu fresco
Pasos
- Necesitamos 2 formas redondas para facer os volováns, unha un pouco máis grande que a outra. Nos empregamos dous cortadores redondos, un de 8 cm de diámetro e outro de 6.5 cm de diámetro.
- Batemos o ovo nun cunco e reservamos.
- Extendemos a primeira lámina de masa follada e cortamos 10 círculos coa forma máis grande. Reservamos 2 para facer as bases, aos outros 8 círculos quitámoslles o centro coa forma máis pequena. Imos empregar a parte de fora, o centro podemos gardalo para facer outra cousa. Repetimos o proceso coa segunda lámina de masa follada.
- Neste punto deberíamos ter 4 bases enteiras e 16 ariños.
- Comezamos co círculo da base (o enteiro), picámola cun garfo para que non suba e pintámola con ovo. A continuación imos colocando sobre esta base os outros ariños, aliñados entre si e deixando un oco no medio. Colocamos 4 ariños en cada base, pintámolos con ovo batido por enriba antes de colocar o seguinte. Repetimos o proceso con todas até ter os 4 volováns e dámoslles unha ultima pasada con ovo por enriba.
- Colocámolos nunha bandexa e metémolos no forno, que previamente quentamos a 180º, durante 20 minutos até que se douren. Sacamos do forno e deixamos arrefriar.
- Lavamos os limóns e relamos a monda dos dous, evitando a parte branca. Exprimimos tamén o zume de medio limón e reservamos.
- Para facer o recheo, botamos o cava nun cazo e deixámolo a fogo medio até que se reduza á metade máis ou menos. Engadimos a nata, a reladura do limón e o zume e botámoslle sal e pementa negra moída. Imos remexendo até que espese bastante. Engadimos os lagostinos pelados e cortados en anacos. Mesturamos todo ben.
- Unha vez fríos os cestiños, enchémolos coas crema de lagostinos e decoramos por enriba cunha ramiña de romeu fresco.